09 de Agosto 2016

Diante do adiantamento das eleccións galegas anunciado onte polo presidente da Xunta de Galiza, desde Comunistas da Galiza - PCPE facemos públicas as seguintes valoracións.

O adiantamento inscríbese no conxunto de manobras coas que os representantes da oligarquía forzan ao máximo os límites e tempos da súa propia e corrompida institucionalidade burguesa para colocar máis e máis atrancos ás forzas obreiras e populares para acadar calquera marxe de representación institucional.

Os capitalistas xa non ocultan os seus proxectos de endurecer a explotación e a violencia contra a clase obreira e os pobos. O futuro que promete o capitalismo é escravitude, miseria e guerra imperialista pola procura de mercados e recursos.

Tanto se o fan baixo a forma  dos seus máis xenuínos representantes, como da man da “nova” socialdemocracia, a misión dos políticos burgueses non é outra que reconducir a crise política a debates enganosos e sementar falsas ilusións que desmobilicen e alonxen á clase obreira dos seus obxectivos, e que a aparten das súas xenuínas ferramentas de loita, das súas organizacións políticas e sindicais independentes e clasistas.

Fai falta unha opción que permita ao pobo traballador votar pola defensa dos seus propios intereses, contra a explotación capitalista, pola saída da UE, a OTAN e toda estrutura imperialista; contra o imperialismo e as súas sanguiñentas guerras de saqueo e rapina.

Comunistas da Galiza - PCPE traballará nestas eleccións, como sempre o fixo, co obxectivo de configurar candidaturas comunistas e obreiras que ofrezan a posibilidade ao máximo de traballadores e traballadoras deste país, de votar polo seu propio Programa de clase.


Galiza, 2 de Agosto do 2016.