Laura Quintillán:”Queremos o poder para a clase obreira”

Sep 12, 2016 | Galiza

Laura Quintillán encabeza a candidatura de Comunistas de Galicia-PCPE. Aínda que non teñen unha presenza importante nos medios, aseguran que van realizar “unha campaña moi laboriosa” para non só pedirlle o votos aos traballadores senón tamén explicarlles que este partido é unha ferramenta para loitar polo poder económico e político da clase social obreira.

P-Cal é o voso obxectivo nesta cita electoral?

R-Chamamos ás traballadoras e traballadores de Galiza a coller o seu futuro nas mans, con firmeza. Non só pedimos o voto, chamamos á loita pola construción dunha Galiza e dun mundo onde todas as miserias e atrocidades que está a sufrir a nosa clase sexan imposibles, impensables.

P-Dame un motivo para votar por Comunistas de Galiza…

R-Somos unha formación que non lle debe nada ao capital, nada a ninguén. Non ofertamos ningunha falsedade nen ningunha ilusión irrealizable. Decimos francamente ao votante: Aquí tés unha organización onde facerte forte, onde loitar xunto coa maioría polo poder económico e político da túa clase social.

P-Habería moitos cambios que facer para que Galicia se parecera ao país que vós queredes?

R-Non se trata só de “cambios”. Non propoñemos a os votantes nengún retoque á actual estructura do poder político.  Esa estructura está podre, descomposta, só se apoia no máis cínico dos enganos. Nengunha forza disposta a transar coa OTAN, có Euro, coa UE, pode honestamente ofertar nada á maioría traballadora. Nun momento ou noutro, moi pronto no tempo,  esas forzas terán que se doblegar diante das multinacionais, a banca, o lobby militar. En qué van quedar entonces as promesas? Quen pagará iso cunha escravitude crecente? A resposta é fácil.

Queremos e propomos Todo Para a Clase Obreira. Para iso tes que expropiar aos explotadores e dar o poder, todo o poder, ao pobo. Isa é a Galiza que queremos.

P-A situación da clase obreira en Galicia é similar ás demáis partes do estado español?

R-Hai diferencias que non poden nen deben confundirnos. O capitalismo é un sistema de explotación e opresión. Unha das súas bazas fundamentais é a fragmentación da clase obreira, esa inxente multitude social que o alimenta. “Privilexia” míseramente a unhas nacions do Estado fronte a outras, para mantelas separadas e descoordinar a súa autodefensa de clase. Non cremos niso. A nosa estratexia non vai por ahi. Os máis duros problemas aos que se enfronta a clase traballadora galega son comúns ao resto do estado. Perda dos dereitos máis básicos. Desertizacion industrial, agrogandeira, pesqueira, froito da entrada do Estado Español na UE.  Pertenza á  OTAN, unha estrutura belicista altamente violenta. Estar sometida ao Euro, unha moeda que alonxa mais, se cadra, os centros de decisión económicos…

P-Como vai a ser a vosa campaña electoral?

R-Moi laboriosa. Dirixida fundamentalmente aos barrios obreiros da Provincia. Desexamos que cada muller explotada, cada mozo no paro,  cada obreiro expulsado da súa vida, da súa empresa, cada ancián que intenta sustentar toda a familia que ven detrás, saiva que ten en nós o seu partido, o que @s vai acompañar ata o fin, con todas as súas forzas  e sen prometer imposibeis, sen ofertar nada máis que un lugar donde será a loita diaria a que @ leve á realización dos seus soños.

P- Deixote este espazo por se tes algo que engadir ou comentar aos nosos lectores

R-A victoria é posible. Somos os máis. O mundo, por así decilo, camiña grazas a nós. Por outra parte, non temos moitas opcions. Non creo que isto que digo pareza exaxerado a ningunha vítima de desafiuzamento, a ningún/ha traballadora parada, a ninguén que só ten  a RISGA. En rigor, todo aquel que vive do seu traballo atópase hoxe en grave risco de exclusión. Os comunistas propoñemos unha Galiza onde iso non sexa mais que un pesadelo do pasado.