O xoves 21 de decembro Alfonso Rueda, presidente da Xunta de Galicia desde que Feijóo decidiu apuntar ao Parlamento estatal, anunciaba o adianto das eleccións á Comunidade de Galicia para o 18 de febreiro. Esta é mellor solución prevista polo PP ante o retroceso en popularidade do actual presidente, unha cara moi descoñecida para o pobo galego, o que contrasta co mesianismo que enarboraba Alberto Núéz Feijóo.
Nestas eleccións, como ven sendo habitual na Galiza, enfróntanse dúas faccións da burguesía: por unha banda, a oligárquico-monárquica, liderada polo PP, que se sinte cómoda co proxecto subsidiario da burguesía galega con respecto á estatal e que defende todas as posturas da extrema dereita española. Por outra banda, a burguesía radical, encabezada polo BNG, que propón xerar os alicerces para a construcción dunha burguesía autóctona con promesas ecoloxistas, feministas, antifascistas e antiimperialistas que ficarán en auga de bacallao ao non propór a abolición do problema que xera todos males sociais da humanidade: o decadente modo de producción capitalista.
É difícil imaxinar actualmente a presenza dun partido tan reaccionario e profundamente chovinista como Vox, debido principalmente a dous motivos: polo seu empeño en desprezar a cultura galega con todos os seus referentes e pola capacidade do PP de abarcar tamén a alternativa fascista na Galiza. Non por nada en Galiza só contan cun concelleiro, na vila de Avión, que ten menos de 2 000 habitantes. Porén, sería un erro político pensar que isto se debe a un suposto carácter antifascista da poboación galega en xeral. O proxecto fascista, encabezado polo PP, só perdeu as eleccións en dúas ocasións desde 1978: a lexislatura fallida de Fernando González Laxe (PsdeG), e o bipartito de Emilio Pérez Touriño (PsdeG) e Anxo Quintana González (BNG).
Destas eleccións, marcadas pola crise xeral do capitalismo, a clase obreira galega non pode esperar outra cousa que un aumento da represión e da miseria, froito, entre outras cousas, da caída tendencial da taxa de ganancia do modelo capitalista que provoca unha crecente sobreexplotación, pobreza e expolio do territorio. Por iso, non debe depositar ningunha esperanza na proposta socialdemócrata que se enfronta ao PP nas urnas. Unha República Socialista de carácter Confederal, que respete o dereito de autodeterminación, é a única alternativa que permite garantir o dereito á liberdade de elección da clase obreira galega en loita polas súas aspiracións nacionais.
Nestas eleccións, Comunistas da Galiza – PCPE chama ao pobo traballador galego ao VOTO NULO. Un voto consciente de denuncia dos límites que o marco institucional monárquico, centralista e burgués impón ao pobo traballador para desenvolver políticas en defensa exclusiva dos seus intereses e necesidades, pois os somete aos do gran capital, que impón a súa axenda de recortes sociais, incremento do gasto militar e pago da débeda a sangue e lume.
Pola saída da UE, o € e a OTAN.
Polo dereito de Autodeterminación.
Comentarios recientes